Arquivo | Maio, 2013

AXUDAS PARA A ADQUISICIÓN DE LIBROS DE TEXTO

31 Mai

Informámosvos que a consellería de Educación ven de publicar a convocatoria de Axudas para a adquisición de libros de texto para o próximo curso 2013 – 2014. No enlace podedes consultar os requisitos e descargar os impresos de solicitude, o prazo de presentación para o alumnado de educación primaria e educación especial é do 3 de xuño ao 3 de xullo de 2013, ambos inclusive.

https://sede.xunta.es/detalle-procedemento?codCons=ED&codProc=330B

 

 

 

Advertisements

INFORMACIÓN DE INTERESE PARA O FIN DE CURSO

30 Mai

Debido a que o próximo curso 2013/14 os libros dos cursos 3º, 4º, 5º e 6º de Educación Primaria van ser os mesmos que se utilizaron neste curso, informámosvos que podedes colaborar co banco de libros do que dispón a ANPA. O procedemento consistirá en que o alumnado que así o desexe, deberá deixalos  no colexio aos seus profesores ou profesoras durante o mes de xuño, e os días 25 e 26 de xuño de 10 a 11, serán entregados pola ANPA aos pais e nais que os solicitaron.

Ademais lembrarvos que dispomos tamén dun banco de uniformes, e se queredes colaborar podedes deixar na ANPA os uniformes que xa non sirvan aos vosos nenos e nenas, e nós encargararémonos de repartilos.

Para beneficiarse destes servizos as persoas interesadas deben apuntarse o antes posible na ANPA, especificando, para o banco de libros de qué curso os precisa, e para o de uniformes a talla.

Tamén vos lembramos que o  horario de atención ao público da ANPA durante o mes de xuño será os luns e xoves de 9:00 a 9:30.

Por último, a festa de fin de curso que estaba programada para o día 21 de xuño pasa finalmente a celebrarse o 20 de xuño porque nesa data o centro ten programada para varios cursos unha excursión.

Agardamos a vosa participación, e que vos sexa de axuda!!!

AVISOS IMPORTANTES.

16 Mai

Ante a proximidade do fin de curso e da presentación de algunhas novidades, queremos comunicarvos algunha información importante:

1/ Chegounos a ANPA unha proposta do Club Deportivo Marte, para sumar ás nosas actividades extraescolares do próximo curso 2013/ 14, a de fútbol, que sería impartida por eles mesmos. Ofrécena para todas as idades e de forma gratuita, coa única condición de asociarse na ANPA. Precisamos saber do número de persoas interesadas, para comprobar se son suficientes para formar un grupo, e comunicarllo ao clube, así que se queredes participar, podedes dirixirvos á ANPA e anotarvos para esta actividade na semana do 20 ao 26 de maio.

2/ Este curso non haberá exhibición de actividades, como xa lembramos na última asamblea. No seu lugar, vaise celebrar unha semana de portas abertas para pais e nais, para que poidan acceder as aulas e ver ás nenas e nenos realizando as actividades. As datas son:

– Patinaxe: luns 27 de maio.

– Ballet: mércores 29 de maio.

– Xogos e multideportes: xoves 30 de maio

– Judo: venres 31 de maio.

Por outra banda lembramos que durante o mes de xuño non se imparten actividades extraescolares, é dicir que o último día será o 31 de maio.

3/ Lembramos que o próximo luns día 20 de maio non haberá clase, dado que foi o día designado polo centro entre os de libre elección, e así se comunicou na circular de principio de curso.

4/ O último día para pagar as orlas encargadas, tanto de infantil como de primaria, é o mércores 22 de maio, é importante a puntualidade para poder facer fronte ao pago das copias.

5/ A festa de fin de curso deste ano, celebrarase o venres 21 de xuño, último día de clase. Poderemos disfrutar de animación, inchables, obradoiros, zona de xogos… Para socios e socias a entrada é gratuita presentando o carné á entrada. Para o alumnado non socio, a entrada será de 5€. En breve farémosvos chegar a programación e o horario.

6/ O día 21 de maio, ás 16:30h. celebrarase a Asamblea, co fin de presentar as candidaturas e elixir á nova Xunta Directiva, e para tratar todos estes temas con máis detalle. Dada a importancia da mesma, agardamos que participedes e manifestedes a vosa opinión.

Isto é todo, esperámosvos na Asamblea Xeral!

 

 

 

9 DE MAIO: FOLGA XERAL NO ENSINO

7 Mai

Plataforma folga copia

A Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público na que se integran organizacións sindicais, ANPAS, movementos de renovación pedagóxica, organizacións de estudantes, partidos políticos, etc, ven de convocar para o día 9 de Maio unha Xornada de Folga Xeral no Ensino.

Asimesmo convoca manifestacións nas catro provincias galegas que terán lugar ás 11:30h, en concreto a que se celebra na Coruña, partirá da Praza de Vigo.

Esta folga forma parte da labor de información e mobilización contra a LOMCE (coñecida como “Lei Wert”) que ven desenvolvendo esta plataforma, entre as que están numerosos actos e accións como xornadas, charlas, debates, resolucións dos claustros e dos consellos escolares, concentracións comarcais e peches rotatorios no mes de abril. Esta folga é, polo tanto, a continuación deste proceso de mobilizacións encamiñado a paralizar este proxecto de lei destrutora do ensino público.

Podedes consultar o manifesto da Plataforma, cos puntos máis importantes do proxecto no seguinte enlace:

http://plataformagalegadefensaensinopublico.blogspot.com.es/2012/04/manifesto.html

Dende a ANPA Faro, apoiamos a defensa dun ensino público, de calidade, con igualdade de oportunidades, porque constitúe un dereito dos nosos nenos e nenas, e é por iso que rexeitamos os sucesivos recortes en Educación.