Boas noites,
Como sabedes, este ano comezou a súa andadura o Proxecto Sementeira, actividade extraescolar que consiste posta en marcha desde cero dunha horta ecodidáctica no patio do noso cole mediante accións de preparación da terra, abono, plantación, rego, mantemento da horta e colleita, entre outras, realizadas polas crianzas, propiciando así que a rapazada sinta o proxecto como seu e se identifique e implique nel. Podemos dicir que a acollida desta iniciativa foi moi boa, tanto é así que se duplicou o número de prazas e grupos previsto inicialmente, coa fin de dar resposta ao elevado número de solicitudes recibidas.
A intención do ANPA con este proxecto desde os seus inicios foi ben ambiciosa, pretendendo que pouco a pouco se consolide como unha ferramenta ao servizo de toda comunidade educativa, no só das crianzas que participan na actividade.
Aínda que pareza mentira, o noso proxecto xa ten case 4 meses e queremos compartir con vos algunhas das aprendizaxes que adquiriron as nosas crianzas durante este tempo.
Primeiramente, toda a rapazada se reuniu, guiada polas nosas monitoras, coa fin de deseñar entre todas o proxecto de horta do noso patio; aportaron ideas, tomaron as súas propias decisións e lograron chegar a acordos.
Aquí vos deixamos unha pequena mostra dos bocexos que plantexaron:
Unha vez superada a fase de deseño, comezou a fase de posta en práctica no noso patio. Para elo, as crianzas tiveron, coa axuda das monitoras, que preparar a terra, acondicionar o espazo, aboar e poñer en práctica o deseñado; a súa horta en espiral.
Nos días nos que o tempo non permitiu o traballo no exterior, que foron moitos no primeiro trimestre, non perdemos o tempo. Traballamos o recoñecemento de elementos naturais presentes na contorna (insectos, larvas, follas…) e a súa transformación ao longo das estacións, probamos e logramos diferenciar plantas aromáticas moi presentes na nosa contorna, elaboramos o sementeiro coas nosas mans, fixemos carteis dirixidos a sensibilizar e trasladar ao resto de compañeiros/as o respecto polo traballo da horta e ata aprendemos sobre a importancia das fases lunares e a súa relación co crecemento das nosas plantas. Traballamos e nos divertimos moitísimo!
Por fin, puidemos saír ao exterior! Xa foi tempo de transplantar á horta as nosas plantiñas e coidalas, coidalas con moitísimo agarimo!!
E como a nosa rapazada ten moitas, moitas ganas de seguir aprendendo, o espazo da espiral quedounos algo pequeniño. Así que estamos ampliando a nosa actividade a un novo espazo no patio, no que estamos a crear un bancal elevado no que seguiremos plantando e aprendendo sobre froitos e verduras que nos ofrece a nosa terra. Convidámosvos a visitar e coñecer os nosos avances no noso patio. Xa vos iremos contando!
Por último, aproveitamos esta entrada para agradecer ás nosas monitoras, Susana e Coqué, a súa incansable implicación, o cariño infinito co que acolleron o proxecto, o trasladar a súa valiosa sabedoría ás nosas crianzas e o seu ben facer diario nesta actividade. Sen elas o proxecto non sería posible.
Un saudo a todos /as.
A Directiva do Anpa