FOTOS ORLA ALUMNADO 6⁰ E.P.

Boas tardes familias,

O xoves día 9 farán as fotos da orla o alumnado de 6º cursos. Aproveitando que teremos a fotografa no cole e que temos un mural moi bonitiño, queríamos aproveitar a súa  presenza e facer unhas fotos dos grupos aula de tódolos cursos.

A foto se encargaría, recollería e pagaría en https://hop-estudio.com/

Os prezos serían:

20×30 (A4) = 12€

20×25 = 10€

13×18 = 8€

Moitas grazas.

Un saudo.

A Directiva da ANPA

PROXECTO XOGA NO PATIO ANPA FARO 2022

¡¡¡¡ Bos días familias!!!

Un dos obxectivos desta ANPA dende o seu comezo foi a mellora de opcións para as nenas e nenos do noso colexio á hora de xogar no patio. Ante a ocupación case total dos espazos lúdicos pola práctica de deportes de pelota, na súa maioría fútbol, decidimos dar novas alternativas para as nenas e nenos e que todos teñan a posibilidade de practicar xogos para o seu entretemento, sen perxuizo de que se poida seguir practicando fútbol, en espazos delimitados e incluso en horarios e días alternos. Unha das primeiras medidas foi a de dotar de aros as canastas da pista polideportiva, dado que polo seu abandono en canto a mantemento carecían deles dende fai xa mais de tres anos. O ANPA Faro en colaboración co centro realizou a compra de estes aros, ademais de instalar dentro do pavillón polideportivo catro canastas para poder ampliar tanto a oferta deportiva en horas lectivas como a de actividades extraescolares, sendo a práctica do baloncesto un éxito entre os nosos nenos e nenas. Ademais destes elementos deportivos, o equipo da directiva con pintura realizou varios xogos no chan en varias zonas do centro que sirvan tanto para o entretemento e lecer dos nenos e nenas como para potenciar tanto aspectos de psicomotricidade como de aprendizaxe de moitos tipos. Para que o uso de estes xogos sexa o mais proveitoso posible para todas elas queremos deixar unhas explicacións sinxelas para poder usalos de diferentes maneiras.

TÁBOA DE OPERACIÓNS: Nela atopamos dúas filas do 1 ao 10 na que podemos realizar tanto sumas e restas como multiplicacións e divisións, basta con anotar o resultado no encerado verde que se pode borrar facilmente cun pano húmido, seco ou cunha toalliña hidroalcólica e mesmo cun borrador de toda a vida!!! O xogo pode ser á inversa e involucrar a un adulto, ollo! ou a unha mestra!! Como? escribindo o resultado e preguntando ao xogador como pode chegar a esa solución facendo unha suma (por exemplo).

SERPE DAS LETRAS: Este debuxo dunha víbora Seoani leva no seu lombo gravado o abecedario en Galego, que para os mais pequenos será moi divertido de aprender xogando a escribir con xiz enriba dela aproveitando as propias letras, ou co simple xesto de lelas poderán memorizar o mesmo. Neste xogo traballos memoria e aprendemos.

XOGO DO ESPELLO: Neste xogo atopamos varios círculos de cores facendo unha circunferencia, enfrontados entre si e que son unha copia un do outro como o reflexo nun espello . @s xogador@s colócanse dentro dos círculos de fronte. Unha delas realiza un movemento pisando un ou varios círculos de cor e o outro xogador debe repetilo, como se de un espello se tratase. O xogo pode ser de dúas maneiras: -1. Xogador A fai un movemento e o xogador B o repite, e despois viceversa, o xogador B fai o movemento e o xogador A o repite, así ata o fallo. 2. O xogador A fai un movemento e o xogador B fai o mesmo e o amplía, despois o xogador A fai o primeiro, o segundo e un terceiro movemento e así sucesivamente ampliando movementos ata que un deles erra. Neste xogo trabállase coordinación, cardio, memoria, psicomotricidade en xeral…etc.

A RAIOLA ou MARIOLA: Este xogo tradicional que fixemos por duplicado na que unha de elas ten menor tamaño para os mais cativos. Neste xogo poden participar moitos nenos e nenas a un tempo, por quendas. O xogador/a debe tirar un obxecto na casiña nº1 sen que esta toque as raias, comeza entón a recorrer o debuxo de casiña en casiña sen tocar as raias e a pata coxa, podendo na casiña dobre colocar os dous pes a un tempo, cando chega ao nº10 da a volta e faino en sentido inverso ata o nº1. Entón volve a tirar o obxecto ao nº2 e comeza o percorrido de ida e volta, así sucesivamente ata que erra e vai o seguinte xogador, cando volve a quenda do primeiro xogador/a este empeza na casiña que levaba. O xogo remata cando se quere, gañar a o que mais percorridos fixo. Outra maneira de xogar a este xogo (mais difícil) sería, do mesmo xeito pero dando patadas á peza e arrastrándoa ata o final e traéndoa de volta do mesmo xeito, así empezando pola casiña nº1, despois nº2, nº3…etc. Trataremos de deixar algún taco de madeira para facer de obxecto para tirar. Neste xogo traballamos psicomotricidade, resistencia, forza, precisión, coordinación….

O BRINCADEIRO: Un xogo moi sinxelo e moi clásico. Temos unha zona de salto graduada para poder realizar saltos e xogar a ver ata onde chegamos. Neste xogo traballamos a psicomotricidade, a forza, a coordinación…

O TRES EN RAIA: Para este xogo teremos dous equipos de tres nen@s cada equipo. Os equipos poñen xogadores no taboleiro por turnos, un de cada vez, ocupando os ocos baleiros e coa finalidade de ocupar tres casiñas seguidas, e van movendo os seus xogadores para casiñas baleiras por turnos e tratando de conseguir ese TRES EN RAIA.

BALON PRISIONERO ou BRILÉ: Campo delimitado en dúas metades e no que poden xogar un número indeterminado de nen@s, aconsellable un mínimo de tres por equipo. Unha xogador/a de un equipo debe golpear co balón a outra do outro equipo, só utilizando as mans para arroxar o balón. Se un xogador ou xogadora é golpeado co balón e o balón toca chan , ese xogador queda eliminado e sae do campo. No caso de que o xogador sexa quen de coller a pelota cando lle tiran e a pelota non toca o chan o xogador non é eliminado e ademais pode recuperar a un compañeiro eliminado e que este volte ao xogo. O xogo remata cando non quedan xogadores no campo de un dos equipos. Neste xogo traballamos, forza, coordinación, cardio, precisión, axilidade…

CÍRCULOS DE PRECISIÓN: Nestes círculos podemos xogar con chapas, buxainas, etc Tanto para ver quen ten mais precisión a hora de ver quen deixa a chapa mais preto do centro cando a empurramos con dous dedos, ou cando colocamos todas as chapas no medio, o que se trata é de botar fora as chapas rivais, sacamos coa nosa chapa dende un punto previamente pactado, e os cativos trataran con un pequeno golpe de votalas chapas que hai no centro, para elo teremos oportunidade de dar tres golpes seguidos, e se conseguimos sacar algunha chapa esta queda no noso poder. Haberá turnos de tiradas. Neste xogo traballamos psicomotricidade fina e precisión visual e espacial.

CIRCUITO DE VELOCIDADE: Este xogo é un circuíto ou xincana no que dous participantes terán que facer o mesmo percorrido a ver quen o remata primeiro. -Primeiro ten un ZIG-ZAG de axilidade -pasa a unha estación na que debe realizar 5 saltos abrindo e pechando pernas e brazos -continuamos con saltos a pes xuntos ata un punto onde deben saltar 5 veces a tocala parede. -continúan camiñando con mans e pes a un tempo -a continuación temos unha zona de skiping – E finalizamos cun sprint ata a META!!!! Neste xogo traballa tanto cardio como todos os aspectos físicos propios de calquera deporte.

Todos estes xogos tratan de diversificar a oferta lúdica no patio e dinamizar os recreos. Pensamos que serán de gran proveito xa non só nos recreos senón tamén en campamentos de verán, en actividades extraescolares e incluso en algunha clase de E.F. Sen mais esperando que sexan do agrado de todas e todos os nosos nenos e nenas.

Un cordial saúdo.

A DIRECTIVA DA ANPA FARO.