DIA DE ROSALÍA NO COMEDOR

Ola, familias.

Dende Jardanay quixeron conmemorar onte xoves 23 o nacemento de Rosalía de Castro, unha muller referente para a nosa terra e a nosa literatura, con varias actividades nos seus comedores. A continuación vos explicamos cómo o levaron a cabo:

“Por unha banda, unímonos á iniciativa “Caldo de Gloria”, posta en marcha pola Fundacion Rosalía de Castro, que promove que establecementos de restauración, xa sexan restaurantes ou comedores colectivos como os nosos e vosos, homenaxeen á autora servindo o caldo galego que ela mesma describiu no seu poema “Miña casiña meu lar”, incluído no libro Follas Novas.

Trátase dun poema precioso, no que unha muller de poucos recursos narra un momento difícil da súa vida diaria, cando chega a casa con fame e frío e, a pesar de que non ten case nada para comer e de non poder contar con axuda dos seus veciños, consegue prepararse un humilde caldo de gloria e un bolo de pote que lle reconforta enormemente. Con algo tan sinxelo, Rosalía consegue reflectir como só ela sabe a capacidade do ser humano de sobrevivir e de ser feliz sen ter demasiado, tan só cun prato humilde e a calor do fogar.

É por isto que o xoves 23 de febreiro, en todos os comedores de Jardanay e servizos que damos incluiremos o “Caldo de Gloria” no noso menú, que no noso caso prepararemos con repolo como verdura. Serán unhas 7.500 racións de caldo en total 🙂 O resto do menú mantense sen cambios con relación ao planificado.

No seguinte link (https://rosalia.gal/que-facemos/proxectos/caldo-de-gloria/) podedes ampliar información sobre o “Caldo de Gloria” da Fundación. Como parte do proxecto, repartiremos entre os/as comensais os manteis conmemorativos da iniciativa, onde poderemos ler o poema enteiro.

Nos comedores escolares completaremos o día explicando aos nenos e nenas a iniciativa e como unha receita tan sinxela e típica de Galicia converteuse en poema. Tamén poñeremos en marcha a actividade “As miñas receitas favoritas”, no que o alumnado poderá aprender sobre ingredientes, alimentos, preparacións e tamén sobre o poder da alimentación tanto para a saúde como para o corazón.”


Agardamos que os nenos teñan disfrutado co día.

Un saúdo.

A Directiva da ANPA