Arquivo | Sociedade RSS feed for this section

Folga No Ensino Xoves 24 de Outubro.Comunicado da Plataforma en Defensa do Ensino Público

22 Out
  A Federación Provincial de Anpas de Centros Públicos de A Coruña, remite o seguinte comunicado con relación a Folga Xeral Educativa de todas as ensinanzas e etapas que se convocou para iste xoves día 24 de outubro;

Comunicado da Plataforma en Defensa do Ensino Público

            

O Goberno central e os autonómicos, utilizando como escusa a crise económica, seguen recortando os recursos económicos e humanos do noso sistema educativo, malia que esta política de axustes non está logrando os obxectivos de aforro que di perseguir como amosan os datos de déficit e débeda pública.

 

Xunto aos recortes, estanse levando a cabo unha serie de reformas, como aLOMCE, o Real Decreto de Bolsas e Axudas ao Estudo, o Decreto de Comedores que desvincula do transporte escolar o dereito ao comedor, o desmesurado incremento das matriculas universitarias que, na nosa opinión, supoñen a volta a un sistema baseado na selección do alumnado para que o progreso nos estudos estea condicionado, con carácter xeral, ao nivel social e ás posibilidades económicas das súas familias, expulsando do sistema a toda aquela persoa que non encaixa nun perfil prefixado ideoloxicamente.

 

Ademais, os nosos actuais gobernantes empéñanse en ignorar a opinión dos cidadáns e estes, á súa vez, seguen amosando un rexeitamento frontal a esta política de recortes e contrarreformas como veñen a demostrar os resultados da “consulta cidadá pola educación”  que se está a desenvolver nestes días. E isto é así porque sufrimos os graves prexuízos que se están producindo á educación pública, que serán moito peores a medio e longo prazo.

 

A Plataforma en Defensa do Ensino Público integrada por nais e pais do alumnado, organizacións de estudantes, sindicatos do ensino e movementos de renovación pedagóxica puxo en marcha, o pasado mes de setembro, un calendario de mobilizacións unitario para esixir aos gobernos estatal e autonómico  que escoiten á comunidade educativa e cesen na súa política de acoso e derribo á educación.

 

Nin os recortes, nin as reformas que se están implementando van resolver os problemas que temos. Todo o contrario, de continuaren por este camiño os problemas que temos agravaranse e, ademais aparecerán novos problemas que nos conducen a unha sociedade con menos cohesión social e máis desvertebrada. Unha sociedade que permite a destrución do seu potencial humano, renunciando á mellor educación de todos os seus integrantes, é unha sociedade sen futuro. Unha sociedade que faga da educación unha mercadoría, que aposte pola privatización de todo o público, pola pelexa entre os cidadáns para aplicar o “sálvese quen poida“, é unha sociedade doente que está abocada a un suicidio social colectivo do que tardará, no mellor dos casos, varias décadas en recuperarse. Mentres, varias xeracións de cidadáns estarán condenadas ao fracaso e a convivir sen un presente e un futuro dignos.

 

É un auténtico ataque ao noso modelo social e de progreso que unha sociedade democrática non pode consentir sen renunciar á súa liberdade e os seus dereitos. Non podemos resignarnos, unha educación de calidade é imprescindible para mellorar a sociedade na que vivimos e para contribuír na conquista real e a extensión dos dereitos fundamentais sobre as que se asintan todas as sociedades democráticas
 

É por iso que forma parte do noso deber denunciar e mobilizar á comunidade educativa contra a intención de destruír un modelo educativo de calidade e equidade que teñen os gobernos autonómico e estatal e polo que facemos un chamamento á sociedade para que participe nas mobilizacións que se convocan con motivo da Folga Xeral educativa de todas as ensinanzas e etapas, á que están chamados todos os sectores, alumnado, familias, docentes e persoal dos centros educativos e universitarios, que confluirán en diversas concentracións e manifestacións por toda a xeografía galega co seguinte calendario:

 

  • A CORUÑA  Hora : 19:30. Praza da Palloza.
  • FERROL Hora: 11:30.  Praza de España.
  • SANTIAGO Hora. 12:00.  Paseo da Alameda
  • PONTEVEDRA Hora: 19 30. Praza da Ferrería
  • VIGO Hora:19:30.Vía  Norte cruze con Urzaiz.
  • VILAGARCÍA DE AROUSA  Hora: 19:30. Avda. da Marina (Casa do Mar).
  • OURENSE Hora:19:30. Subdelegación do Goberno.
  • BARCO DE VALDEORRAS Hora: 11:30. Praza do Concello.
  • LUGO Hora:19:30. Ronda da Muralla (Edificio Administrativo).

 

Diante desta situación, o sector educativo seguirá mobilizándose e esixindo aos gobernos que se atendan as demandas da Comunidade Educativa para resolver os problemas que temos e abordar as reformas necesarias para mellorar a calidade do noso sistema educativo.

 

Por iso, a Plataforma en Defensa do Ensino Público esixe que cesen todos os recortes educativos, do mesmo xeito que esiximos o cese do resto de recortes sociais. De igual modo, esixe que se incremente o número de bolsas e a súa cuantía; que se recuperen os programas educativos que demostraron o seu éxito nos últimos anos, en definitiva que se recupere o nivel de investimento educativo.

 

Esiximos que se retire a LOMCE e que se inicie un proceso de diálogo e procura de solucións conxuntas coas organizacións representativas da Comunidade Educativa que dote de estabilidade ao sistema, desde a Educación Infantil ata a Universidade.

 

24O Manifestacións

Compras Colectivas

27 Set

A idea diste blog e que sirva non só coma correa de transmisión entre a Anpa e os pais e nais,  ou só pra  informar e publicar  o día a día do colexio e os nenos,  senón tamén que sirva para difundir calqueira tema de calqueira ámbito, que a todos nós, como integrantes da sociedade, e non só coma pais e nais, nos poida afectar ou repercutir.

Neste senso , iste artigo do Huffintong Post presenta unha alternativa relacionada a coma contratar a luz máis barata, o cal non deixa de ser unha opción interensante dadas as contínuas subas de luz que xa se fixeron , máis as que estan por vir.

http://www.huffingtonpost.es/2013/09/13/compras-colectivas_n_3919733.html

Todo aquel que estexa interesado, no artigo ten os datos para participar nesta iniciativa.

Con relación a iste tipo de noticias, animámosvos que calqueira tipo de iniciativa similar ou ben de calqueira outra índole, a compartades connosco, pra difundila e que chegue o maior número de personas.